A Biblia en Galego
A tradución ao galego da Biblia foi, sen dúbida a grande creación da editorial SEPT.
Desde os inicios, no ano 1966, xa se tiña a intención de abordar esta publicación tan importante no ámbito da relixión cristiá e tamén da cultura universal. No ano 1973 tómase a decisión de facer unha versión galega partindo das linguas orixinais coa participación de especialistas e expertos biblista galegos, contando co apoio do arcebispo de Santiago de Compostela.
A coordinación estivo a cargo de Andrés Torres Queiruga e Xosé Fernández Lago. Na promoción, xestión e edición, que durou dezaseis anos, implícáronse de maneira directa o Presidente e o Director de SEPT daquela, Alfonso Zulueta de Haz e Francisco Domínguez. Practicamente a totalidade dos tradutores traballaron de maneira gratuíta. Para afrontar os gastos de apoio creouse un grupo de cotizantes.
En 1980 saíu do prelo o Novo Testamento.
Por fin, en 1989 chegou a tradución da Biblia á nosa lingua. A Xunta de Galicia financiou a primeira edición, de 5.000 exemplares.
A primeira presentación fíxose na Romaxe do Ancoradoiro.
Téñense editado un total de 15.000 exemplares, hoxe en día esgotados. Actualmente estase preparando a cuarta edición.
Na visita do Papa Xoán Paulo II a Compostela em 1989, o Goberno galego agasállao cun exemplar da primeira edición especialmente encadernado.
Na tradución de A Biblia conseguiuse o emprego dun galego axeitado ao rigor científico e ao mesmo tempo asequible á xente. A aplicación pastoral así o esixía. No ano 1990 recibiu o Premio Nacional de Tradución.