Ozú, la Ezpo

Siro é un trasno que anda entre o texto da VOZ e, alí onde lle parece, aparta as letras dunha noticia, chíscanos un ollo irónico e marcha. E no lugar, con maxia que poucos dominan, deixa estampado un debuxo que moitos temen, desexan, coleccionan.

A caricatura de Siro é xa o retrato oficial de moitos persoeiros galegos. Igual lles pasa ós noruegos cos debuxos de Gulbransson. Tanto que, por exemplo, a cara máis coñecida de Fraga non é a que ten senón a que Siro lle dá. ¿Sodes capaces a estas alturas de imaxinar a Antolín sen cara de neno príncipe dos xesuítas ou a Beiras sen as nubes de espuma de afeitar, tal como os recrea Siro? Un alumno meu, moi espontáneo, viu un día a Fraga e exclamou sorprendido ¡E non trae a grileira! É problema do persoeiro non parecerse á caricatura, non ó revés. 

Pois Siro foi á Expo a Sevilla. É dicir a unha Exposición Universal apocopada, la Expo, coma profe, mate, compa. Apocopada, pero non en gastos, que non hai cousa máis rumbosa que un pobre, cando se quere facer ver. Claro, pouco importa, que o habemos pagar todo en cómodas subas de impostos. E ademais os de fóra quedaron coa boca aberta e van investir aquí cantidá de millóns. E o trasno do Siro chisca o ollo, merca metros de pano de lunares e encaderna un feixe de caricaturas e comentarios que titula: ¡Ozú la Ezpo!

Dificilmente se pode debuxar máis con menos tinta. Toda Sevilla cábelle nun risco de medio metro. Retratos de inmensos volumes con 15 cms. de trazo. Só se compara á sonoridade inmensa que Laura Quintillán dá creado coas catro cordas dun violín cando interpreta a Bach en re menor. 

Para Siro a Ezpo son os visitantes. Iso era o que había que visitar. E ten razón, porque a Ezpo acabou pero para a eternidade quedarán os turistas, gordos ou fracos, pero sempre antiacadémicos, inelegantes, cansos. Moitos con problemas de columna, cun perfil en ese e non precisamente praxitélico. Perfecta captación. O texto, preciosamente manuscrito, non desmerece. Mirade, se non, a caricatura do visitante en seis palabras: Oiga ¿ze puede vizitá er botafumeiro?

(Visited 73 times, 1 visits today)

Tal vez che interese

DEIXA O TEU COMENTARIO

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio web utiliza cookies para que teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar está a da-lo seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pique na ligazón para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies