O 75 non era mal ano

No 75 fíxenme un home, pasando do paro a aproba-las oposicións para ensinar latín en Ferrol. E, nisto, Franco púxose a morrer. España eran dous bandos: os que corrían o medo sendo audaces e os que o compensaban coa prepotencia. Os audaces esperaban poder falar libremente e os prepotentes estribillaban en consolida-lo monopolio da palabra. Agora sei que o medo era recíproco. Nun terceiro bando estaban as masas, con preocupacións menos retóricas.

A agonía do xeneral ferrolán foi tan longa coma a sombra do seu poder. A un mariñeiro amigo dixéronlle nun porto que morrera; e no seguinte, que aínda vivía. Aquel agonizante, cheo de tubos por razóns de Estado, apretaba o corazón. Morreu. En caras anónimas vin xestos que me lembraban o panfleto latino que describía a morte triste que Deus lles dera ós emperadores que perseguiran cristiáns e que escribira Lactancio 1662 anos antes, cando legalizaron o cristianismo. 

O 75 foi ano de radio, TV e xornais. Sentín que a nosa historia viraba o rumbo, coma despois cando caíu o muro de Berlín. E empecei a garda-la Voz de Galicia para memoria futura. Aqueles corenta días da Voz están na aldea,  nun canastro, como unha anada de millo a secar: lendo o que dicían os que daquela podían falar, mídese o pouco que dura iso que chamamos o politicamente correcto.

O sol seguía raiando á súa hora, indiferente ós loitos oficiais. Eu ventei que, morto Franco, a policía ía deixar de molesta-los bedeis do meu Instituto para saber por que eu explicaba en galego. E ventei que poñer en galego a Biblia e mailo libro de latín, que Sarmiento xa reclamara había 200 anos, ía precisar menos audacia; e iso impedíame a tristeza. O loito pechou as aulas e coa muller fun visitar Mondoñedo e Lourenzá nun fotingo emprestado. Nun bar de Ribadeo un cliente predicaba que o galego non tiña futuro, que disque llo dixera Dámaso Alonso. Nós auguramos que xa faltaba menos para termos Biblia, ensino, documentos, radio e TV en galego pero o noso vaticinio pesou menos có que o outro lle entendera ó presidente da Academia Española, estudioso do galego. Así que pagámo-los cafés e saímos.

Aínda así, o 75 non era mal ano.

(Visited 68 times, 1 visits today)

Tal vez che interese

DEIXA O TEU COMENTARIO

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio web utiliza cookies para que teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar está a da-lo seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pique na ligazón para maior información.

ACEPTAR
Aviso de cookies