Os Papiros do Medulio
Ser literato vén de nacemento e de moita disciplina. É unha arte. E non chega con que ocasionalmente algunha cousiña, coma o Papiro 10, chegue a recitarse en enterros de seres moi queridos, no momento da paz. Ser literato é outra cousa.
Eu non son literato. Só escribín tres relatos para dúas campañas de literatura de viaxes: os dous primeiros para a Empresa Castromil (1929-1999) que foi a que primeiro conxugou a súa excelencia empresarial (líder en España) coa introdución da lingua galega en 1992 como lingua de relación e de identidade, dando ós seus primorosos autobuses o nome dun artista galego (empezando por Rosalía de Castro) e agasallando os seus clientes con 30 relatos curtos creados para eles (os Contos do Castromil).
A sociedade respondeu identificando a Empresa Castromil como un símbolo de Galicia excelente que queremos e outorgoulle o Pedrón de Ouro (1992). Foi providencial que a Empresa Castromil estivese presidida por un pianista de sona en toda Europa (Ramón Castromil) e que tivese tamén no Consello un anxiólogo e cirurxián vascular da categoría de Evaristo Castromil.
No ronsel de Castromil en 2009 outras empresas do mesmo sector (Travibús Noroeste) repetiron a experiencia de establece-lo galego como lingua de relación cos viaxeiros e de os agasallar tamén con seis relatos novos e exclusivos.
Esta colección, que se chamou Relatos da paisaxe, repetiu o éxito afectivo e comercial.
Eu non son literato pero tiven a sorte de que me convidasen a participar nestes dous experimentos comerciais que rozan o literario e o sociolingüístico.